Tuesday 14 de May de 2024

O PSOE de Tordoia pídelle ao alcalde que informe aos veciños sobre as subas do IBI e deixe de culpar falsamente á Deputación


Carlos García lembra que o alcalde rexeitou en pleno a proposta socialista de bonificar nun 95% o IBI ás explotacións agrarias, polo que veciños que poderían pagar 15 euros teñen que pagar 300

ToO voceiro do PSdeG-PSOE de Tordoia, Carlos García, solicítalle ao alcalde Antonio Pereiro “que deixe de enganar aos veciños e lles explique con claridade as razóns da estratosférica suba de impostos que están sufrindo, vía IBI e a través da regularización catastral, e que foi o Partido Popular quen puxo en marcha esta medida”. Pola contra, García insta ao alcalde popular a que “lles explique agora aos veciños as razóns polas que o PP de Tordoia votou en contra da proposta socialista de bonificar nun 95% o IBI ás explotacións agrogandeiras, tal e como están facendo outros municipios da comarca incluso do seu mesmo signo político”.

O voceiro municipal socialista lembra que as brutais subas da contribución que están a recibir os veciños e veciñas de Tordoia son froito da regularización catastral impulsada polo Ministerio de Facenda, a través da Dirección Xeral do Catastro. “É certo que o Concello de Tordoia non ten a culpa de que o Partido Popular e o señor Montoro decidiran subirlle a contribución a todos os españois, pero o que non pode facer o alcalde é faltar á verdade e culpar desa suba á Deputación, que o único que fai é cobrar ese imposto no nome do Concello de Tordoia”, explica Carlos García.

García explica que “agora que empezan a chegar os recibos con cargos de máis de 500 euros e a xente protesta é cando o señor Pereiro lles ten que explicar aos veciños por que os enganou na campaña electoral, cando dixo que non habería catastrazo en Tordoia, e por que os segue enganando culpando á Deputación de algo do que é responsable o Goberno do PP e do señor Rajoy”. Neste sentido, o voceiro dos socialistas insta ao Concello a atender con veracidade aos veciños e veciñas de Tordoia, deixar de mentir sobre a orixe desta suba e axudalos coa tramitación das apelacións ou bonificacións que sexan posibles.

Inacción do alcalde

Carlos García pídelle ao Concello de Tordoia que faga o seu traballo e solicite na Deputación que os veciños e veciñas teñan a posibilidade de fraccionar e aprazar o pago da contribución deste ano, para posteriormente informar á veciñanza desta posibilidade.

Finalmente, o voceiro municipal socialista lamenta que o Partido Popular de Tordoia votara en contra da proposta de bonificación do 95% do IBI para explotacións agrícolas e gandeiras propostas polo PSOE de Tordoia en maio deste mesmo ano. “Daquela se rexeitara a nosa proposta e se nos acusara de sindicalistas e de mentireiros”, lembra Carlos García, quen lamenta que “agora quen van pagar os enganos do señor Pereiro son os veciños e veciñas de Tordoia que en vez de pagar 15 euros por un alpendre, ao mellor teñen que pagar 300 euros. Isto demostra o que vimos denunciando dende hai tempo dende o PSOE de Tordoia: que o señor Pereiro ve este catastrazo cun afán recaudatorio para tratar de sanear as contas do Concello”.